Catro anos dende a estrea de Lugher!

Anxo Núñez Fernández

Boas! Hoxe é unha datas destas ás que se lle chaman efemérides, polo menos en canto ao persoal se refire. Resulta que un once de Xaneiro de 2014 saíu a luz Lugher, aquela rede social que sen a penas coñecemento puxen no seu día a funcionar na rede.

No seu momento non o fixera para que a xente realmente se puxese a empregalo ou tivera azos de que se convertera nunha rede social activa e continua no tempo, pero os feitos sempre son imprevisíbeis e viu a avalancha mediática que converteu Lugher, no que realmente foi, flor dun día. Comezara coa idea de Lugher por pura iniciativa autodidacta e decidira, unha vez o proxecto chegara a un punto estable aos ollos dun inexperto, poñela aberta ao mundo para que familiares e achegados puidesen xogar un chisco con ela e permitirme seguir aprendendo.

O seguinte aínda o teño un pouco borroso, moitas cousas acontecen moi axiña e apenas teño tempo para prever que en cuestión de semanas a plataforma pasara dos case 50 usuarios a preto dos 1000. Nese momento, aínda que relativamente estábel, a páxina non tiña nin versión móbil, nin contido inicial, nin tan sequera un deseño demasiado intuitivo.

Despois de saír nos medios locais e nacionais a xente comezou a dicirme que tiña que arranxar isto, poñer aquelo e mellorar aqueloutro... Como vos dicía, demasiadas cousas en moi pouco tempo e con moi pouca experiencia. Cando a cousa semellou que calmara decidín repoñerme dunha vez por todas coa experiencia adquirida e re-facer dende 0 a páxina por que, na realidade, resultaba que non estaba tan ben por dentro como puidera semellar por fora.

Tardei o seu tempo, pero no segundo aniversario saquei a versión que agora está colgada “Lugher Beta”. E si, se agora me puxera a refacelo de novo probablemente estivera moito mellor e quizais se convertería nunha rede activa, pero na realidade Lugher xa non está, dende hai tempo, nas miñas prioridades a curto prazo. Lugher foi pensada, como xa dixen, coma un proxecto autodidacta e non coma un produto. A razón de que a día de hoxe siga publicada e dispoñíbel para calquera usuarix que queira acceder é por puro agarimo persoal a esa web, pois se hai algo que realmente lle teño que agradecer á andaina de Lugher é que me ensinou a que cun pouco de esforzo, todo é posíbel.

Por iso celebro hoxe convosco os catro anos dende a publicación de Lugher, pois aínda parece que foi onte cando un Anxo con 14 anos e con case o dobre de peso que hoxe saía na TVG explicando que era o “Lugher”.


Compartir:


Tweet
Páxina web orgullosamente desenvolvida, editada e deseñada por Anxo Núñez Fernández 2014-2018©