Imaxes dende o Monte da Pena

Anxo Núñez Fernández

Boas, facía tempo que non compartía nada convosco. Hoxe tampouco vai ser o día que mais escriba, pois o único que veño a publicar é unha pequena escolma de fotografías que tirei fai uns días no Monte da Pena, na parroquia de San Ourente en Outes.

Antes de nada gustaríame comentar un par de cousas sobre este lugar. Levo bastante tempo con ganas de subir ao alto da Pena e nunca atopei ningún sitio que indicase o camiño concreto para subir a el. Sei da súa existencia grazas ao moi escaso apartado "turístico"  da web do concello de Outes. Alí hai unha imaxe das pedras que hai no cumio e unha pequena descrición de dúas liñas que nos di que hai moi boas vistas e que se atopa na parroquia de San Ourente. O problema é que non indica en ningún momento cal é o camiño nin nos da a máis mínima referencia de como poder chegar. Se nos poñemos co coche na estrada é imposíbel atopar ningún tipo de cartel que nos poida orientar.

Deixando a un lado a nefasta política local que practica o goberno do PP en Outes, o lugar en si é único. O mellor camiño que puiden atopar comeza no lugar de Buíste, un pequeno trazado de terra que na súa primeira metade conta cunha pendente considerábel mentres que na ultima fase vaise suavizando bastante. A paso lento pode levar preto dunha hora chegar ao cumio mentres que a paso normal ou rápido menos da metade. Unha vez chegamos ás pedras da Pena podemos visualizar o correspondente punto Xeodésico que conta cun camiño fácil de atopar no seu carón norte.

As vistas son preciosas, podemos observar perfectamente o val da Serra así coma as parroquias mais próximas de Negreira e Outes. Tamén se pode divisar o concello de Noia ao lonxe e a abertura da ría ao mar. Para poder ver con mais claridade penso que o óptimo é subir antes do mediodía ou ao principio da tarde. Cando queda pouco tempo para o remate do día os montes de Tremuzo fan sombra no resto do concello, que é xusto o momento no que eu estiven alí.

Sen mais, déixovos coa pequena escolma de imaxes (Preme nas frechas para pasar as imaxes):

Espero que sexan do teu agrado. Unha aperta ;)


Compartir:


Tweet
Páxina web orgullosamente desenvolvida, editada e deseñada por Anxo Núñez Fernández 2014-2018©