Chiar

A memoria que nos queren roubar

Anxo Núñez Fernández | Datado: 2016-07-23 14:29:34

Como ousades remover no pasado? Xogades a algo moi perigoso! Moita raiba me dan estes dous comentarios, cando un trata de facer memoria e aprender do seu pasado non xoga a nada nin fai algo ousado, está a facer algo lóxico e sensato.

Fai un par de días foi o 18 de Xullo, data na que se cumplen 80 anos dende que o xeneral Francisco Franco lanzou a primeira pedra da Guerra Civil, unha guerra que duraría case catro anos e que establecería no estado Español unha ditadura de outros 40 anos.

Represión, medo, tortura, asasinatos, machismo, marxinalización son termos que poderían definir perfectamente esta etapa da historia. Só na Galiza houbo preto de 5000 mortos nos catro anos de Guerra, no estado máis 500000. Os millares de presos políticos torturados ata a morte fican descoñecidos para a poboación por culpa dos restos dun réxime que nunca debeu de existir.

É importante coñecer, descubrir e investigar o noso pasado para podermos construír un futuro mellor, ou acaso nós, como humanos, non aprendemos dos nosos erros? Isto, e con agravante de milleiros de mortes, precisa ser estudado máis que nada polo mero feito de evitar que aconteza algo semellante. Non son poucas as herdanzas que aínda conservamos a día de hoxe deste réxime putrefacto que poderían ser erradicadas fai moitos anos se en verdade houbese un proceso real de memoria histórica e recoñecemento da crueldade da ditadura.

Non é normal vivir no segundo estado do planeta con máis desaparecid@s, vivir no estado con máis mort@s nas cunetas do planeta e que aínda non se faga nada para cambiar este feito horripilante que para nada ten que ver co suposto estado "democrático" no que vivimos a día de hoxe...

Aínda por enriba de todo dalgún xeito nós, @s galeg@s, sufrimos dalgún xeito ou doutro unha consecuencia a maiores, xusto o día no que comezou a guerra civil estábase a entregar nas cortes republicanas de Madrid o primeiro estatuto de autonomía de Galiza que tanto traballo nos costou conseguir como dereito básico da nosa nación dentro do estado.

Tentaron rematar con nós, pero aínda seguimos aquí, e seguiremos.

Dende Anxo.Gal non esquecemos, nin queremos esquecer, se coñeces a algunha vítima do réxime ou da guerra que queira contarnos a súa historia, por favor, diríxete a nós premendo aquí.

Moitas Grazas, ate a próxima.

Sinatura

#Memoria #Feixismo #Franquismo #Españolismo #18deXullo #GolpeDeEstado #Milicia #Militares


Seguir a @vinpoloaire
Deseño e textos propiedade exclusiva de Anxo Núñez Fernández. Todos os dereitos reservados 2014-2017 ©
Ao utilizar esta web, aceptas o uso das cookies.