Neste mundo no que todo vai axiña, no que hai que estar a todo e nunca hai un respiro. Neste mundo, no que nada parece parar e todo da voltas. Neste mundo, ás veces, aparecen pequenos momentos de paz e tranquilidade.
Para min, gran parte destes momentos ocorren á noite, cando todo semella tornar nun ritmo máis sinxelo, nun son máis calmo, nun silencio agradable e confortable. A noite chega e cúbrenos, a diario, co seu manto estrelado.
É nestes momentos nos que hai tempo, cando tiña algo de tempo, aproveitaba para facer un pouco de fotografía nocturna. Todo un proceso que case parece un ritual, chegar a un punto, buscar a perspectiva e o obxectivo, colocar o trípode e a cámara, configurala para equilibrar a luz, preparar unha longa exposición e rematar por sacar a foto mentres se practica unha sorte de meditación no máis íntimo dos silencios.
Hoxe veño a compartir un par de imaxes dunha destas sesións de fotografía nocturna que fixen arredor de xaneiro do 2022 en Outes.

A vista nocturna da traza urbana do Freixo aporta unha visión que para min é máis nítida aínda que de día da nosa relación estreita co mar e da configuración humana arredor do mesmo. É unha liña cinguida á beira do mar e pousada no lombo de Tremuzo.
O alumeado público foi un gran avance para soster modelos de vida actuais mais que, coma todo, trouxo consigo outras cousas non tan boas coma a contaminación lumínica, aínda así, en noites especiais e lugares concretos aínda nos é posible desfrutar dunha boa noite estrelada.
Adeus, estrela brillante
compañeiriña da lúa;
moitas caras teño visto
mais coma a túa ningunha.Estrofa do Alalá das Mariñas

Un pantalán instalado nun punto de Broña, estratéxico na ría, que padeceu dunha efímera vida debido aos temporais e a erros de cálculo serve a día de hoxe coma un miradoiro único da ría da Estrela.

O extinto hotel da beiriña do mar, en Broña, segue, por desgraza, nun abandono notorio en primeira liña de costa. É unha verdadeira mágoa que as limitacións da administración pública non permitiran, aínda, buscar unha alternativa para este enclave.

Boa noite, enOutes! 😉
