Aceredo e a auga


Aceredo é un lugar asolagado no concello Ourensan de Lobios. Alí, ate comezos dos anos 90, chegaron a vivir máis de 120 persoas e estaba composto dun total de 70 vivendas. A construción do encoro de Lindoso, froito dun tratado internacional previsto nos anos vinte do século pasado, formalizado polas ditaduras da península nos anos sesenta e rematado no 1992 fixo desaparecer por completo esta aldea xunto cos lugares do Buscalque, o Vao e a Reloeira.

As infraestructuras desta magnitude adoitan, por desgraza, traer consecuencias moi negativas máis alá do servizo imprescindible e necesario que poidan ofrecer. O feito de borrar do mapa estes lugares e o vencello da súa xente co territorio foi e, para moitos, segue a ser algo moi dooroso.

Neste mesmo sentido recomendo moito ver o filme documental “Os días afogados” que está dispoñible de balde na web da galega.gal (Preme aquí). Neste filme pódense ver os últimos meses da vida da veciñanza no lugar que captou un veciño coa súa cámara. Relata os días e tarefas máis cotiás, as derradeiras festas, o estado arquitectónico, a idiosincrasia do lugar e a loita da veciñanza. Toda unha gran inxustiza dun procedemento chafulleiro, mal proxectado e executado de xeito violento e sen miramentos sobre ducias de familias que non foron compensadas adecuadamente nin tiveron alternativas axeitadas á expulsión que sufriron da súa terra e da dos seus devanceiros.

Nunha viaxe a Portugal con Silvia, en xaneiro do 2022, xusto cando cumpriron 30 anos dende o seu asolagamento, colleunos o lugar de Aceredo de camiño e decidimos facer unha parada xa que facía uns días que lera a nova de que volvera rexurdir da auga.

Unha vez baixamos do carro e comezamos o descenso ate o lugar invadiunos unha onda de sorpresa e fondo respecto. Entramos nun universo distinto, de non ser pola trasfega constante de xente sería case coma viaxar no tempo 30 anos atrás. O lugar estaba fondamente destrozado polos efectos do paso e estancamento da auga e á vez en pé conxelado no tempo.

O primeiro que nos chamou a atención é a chegada ao lugar polo camiño que conserva perfectamente a súa feitura e a vista xeral do lugar onde se pode apreciar como unha gran porcentaxe das vivendas conservan en moi boas condicións a estructura e, algunhas, o teito.

Unha vez entramos no lugar puidemos observar como había algúns enseres persoais de dudosa procedencia non sabendo asegurar se realmente eran da veciñanza que expulsaron do lugar ou de visitantes posteriores. O que sí se apreciaban eran elementos e ferramentas cotiás que quedaran no mesmo sitio e que amosaban no seu deterioro o paso do tempo no lugar.

A altura do novo viaducto que se erixiu á beira do lugar da unha perspectiva da enorme magnitude dos preto de 5 millóns de m3 de auga que asolagaron e asolagan o lugar constantemente dous días despois de reis de 1992. O encoro de Lindoso pechou as súas comportas sen chegar a negociar nin compensar axeitadamente a moitos dos veciños que acabarían por perder as súas vivendas e case sen avisalos collendo a moitos por sorpresa e tendo que evacuar de noite collendo todos os enseres que puideron en moi pouco tempo e sen apenas recursos para salvar os seus recordos e o seu patrimonio.

Unha vez máis, o desleixo do goberno español con Galiza permitiu unha nefasta xestión e un abandono aos cidadáns indefensos ante un desenvolvemento multimillonario para os que non houbo xustiza por parte da administración pública do estado.

A inmensa dignidade que amosaron os pobos asolagados loitando ate o último momento é ben merecente de admiración e respecto. Quede sempre na memoria colectiva o seu esforzo e a súa inxustiza!

A inmediatez coa que se asolagou o val, propiciada polas fortes choivas e o peche inmediato das comportas en pleno inverno, vese ven en certos elementos presentes aínda no lugar como barricas de viño, caixas de cervexas, utensilios de cociña e incluso algún vehículo.

A pesares da gran cantidade de persoas que visitaban o lugar semellaba haber tamén un fondo respecto pola zona. A imaxe é encolledora, o infindo poder da auga fixo o suficiente dano no lugar como para relembrar a unha estampa de guerra mais aínda prevalecendo nel moitas das estructuras e elementos que nos permiten ver aínda con moita nitidez a vida parada no tempo que había aquí.

Existe un grande contraste entre as ruínas do que nalgún momento foi un lugar cheo de vida e a liña que marcan as árbores ou incluso, nestes momentos nos que o lugar emerxe, as fronteiras entre a auga e os restos das vivendas.

Para rematar esta entrada gustaríame destacar dúas imaxes das que saquei nese día. Por un lado unha pedra de lintel entre os restos vivenda do 1777 totalmente desaparecida e a mítica fonte lavadoiro de Aceredo que, cada ano, cando o lugar rexorde segue a pichar auga coma o primeiro día, como se nada arredor dela tivera pasado. Unha testemuña firme no medio do devastamento.

,